A Xunta rexeita calquera responsabilidade na posible demora da obra, cuxa tramitación se inicia en abril de 2001 coa elaboración do estudo informativo. O informe de Medio Rural establece un conxunto de medidas correctoras para reducir a afección ás especies protexidas, e medidas de carácter compensatorio para fornecer a conservación dos endemismos presentes.O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, explicou onte pola mañá a posición do seu departamento respecto do paso da futura autovía A-54 Lugo - Santiago, en construción polo Ministerio de Fomento, a través do Lugar de Interese Comunitario (LIC) da Serra do Careón, concretamente o tramo entre as localidades de Palas de Rei e Arzúa que afecta directamente a Melide, e que separa as provincias de A Coruña e Lugo. Juárez estivo acompañado na explicación polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón. O titular do Medio Rural explicou a alternativa que
a Xunta propón ao Goberno Central para combinar esa necesaria infraestrutura,
QUE APOIA DECIDIDAMENTE, coa tamén necesaria preservación e salvagarda dos valores ecolóxicos da zona, que orixinaron a súa declaración como LIC, e que son competencia da Administración autonómica. Así, o titular do Medio Rural asegurou que “
en ningún caso é intención do Goberno galego obstaculizar a construción da A-54, ben ao contrario, estamos a axudar en todo o que está na nosa man para axilizar o proxecto”, moi nomeadamente nos tres quilómetros que atravesan a Serra. Neste senso, lembrou Juárez, “desde o primeiro momento da formación do novo Goberno galego, os técnicos de ámbalas administracións traballaron conxuntamente para acadar unha solución que combinase os valores medioambientais da Serra co pulo definitivo á obra”, obxectivo que se ten acadado tras múltiplas xuntanzas.
A opción con menos impactoCómpre sinalar que a declaración de impacto ambiental do estudo informativo da autovía Santiago - Lugo se formula con resolución do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino en novembro de 2004, quedando pendente o tramo Arzúa - Palas de Rei, duns 28 quilómetros, que non se aproba por cuestións de viabilidade ambiental, e que é o tramo que hoxe se atopa en tramitación, pendente da súa declaración ambiental. A Xunta tentou sempre acadar un acordo para que o proxecto da obra pasase pola zona con menor abundancia dos valores polos que a serra do Careón foi protexida. En calquera caso, cómpre lembrar que a avaliación do impacto medioambiental corresponde integramente ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, posto que Medio Rural da Xunta se limita a informar no marco das súas competencias en xestión da Rede Natura. Nas xuntanzas entre técnicos de Medio Rural (Xunta) e Fomento (Goberno Central), os galegos teñen solicitado, entre outros aspectos, unha escala máis detallada do estudo da afección a especies e hábitats, máis detalles sobre os pasos para fauna e a solución construtiva en diferentes puntos, e solucións técnicas ao “efecto presa” nos cruces de vales. Esta información recíbese de Fomento en xuño deste mesmo ano 2010.
Medidas correctorasEn función desa información, os técnicos de Medio Rural elevan ao Ministerio algunhas consideracións técnicas e ambientais para engadir á documentación oficial, coa fin de fornecer a conservación dos endemismos presentes. Así, e tralo intercambio de información nas distintas xuntanzas, e tralo engado dalgunhas modificacións propostas desde a Dirección Xeral da Conservación da Natureza, chégase á conclusión de que o trazado agora proposto non terá afeccións significativas sobre tipos de hábitats de interese comunitario, nin afecta a áreas de presenza nin a áreas prioritarias de especies de flora de especial protección. En cambio, advírtese do incremento da fragmentación da área de distribución das especies florais Armeria e Santolina, para o que se propoñen medidas correctoras e construtivas, fundamentalmente no viaduto do río Furelos e do río Seco, e tamén na parte que atravesa a zona máis sensible do LIC. Coa elevación deste informe ao Ministerio, Medio Rural cre ter garantido, na medida das súas posibilidades, a salvagarda dos valores ambientais que levaron á declaración da Serra de Careón como Lugar de Interese Comunitario, ao tempo “que se ofrecen as alternativas e consellos necesarios para que a A-54 non se demore por máis tempo”, segundo salientaba o conselleiro Samuel Juárez.
Madrid decideArestora, e unha vez enviado o documento a Madrid, a redacción final do informe de impacto ambiental corresponde ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, e a redacción definitiva do proxecto, ao Ministerio de Fomento.